A Sala Segunda do Tribunal Constitucional (TC) aborda esta segunda feira, 16 de novembro, o recurso de amparo do Concello de Pontevedra contra a sentenza do Tribunal Supremo que avalou a prórroga de Ence en Lourizán. O asunto figura na orde do día da Sala, que comeza ás 10.30 horas, e que incluíu este asunto entre os que se deben resolver por sentenza. A maxistrada Inmaculada Montalbán, actual vicepresidenta do Constitucional actuará como relatora e exporá un borrador de sentenza sobre o que deliberarán os outros cinco maxistrados da Sala.
O borrador pode aprobarse por unanimidade ou por maioría, e nese caso quen discrepe pode formular votos particulares. Se o texto é rexeitado, nomearase un novo relator para redactar unha resolución en sentido contrario. Se a discusión se alonga, a Sala tamén pode aprazar a votación.
O Concello de Pontevedra recorreu en 2023 a sentenza da sección quinta da Sala do Contencioso-administrativo do Supremo que avalou a prórroga da pasteira. A resolución, do mes de febreiro, deu a razón a Ence e avalou a súa continuidade na ría até 2073. Con ese fallo, o Supremo corrixiu a Audiencia Nacional, que en xullo de 2021 considerara ilegal a prórroga despois de estimar os recursos do Concello e de Greenpeace.
O Goberno español en funcións de Mariano Raxoi concedera a prórroga o 20 de xaneiro de 2016. Daba a Ence 60 anos máis, contados desde a solicitude de 2013, para ocupar unha faixa de dominio público marítimo-terrestre na ría. O Supremo xustificou a súa decisión en que había un informe ambiental "favorábel" da Xunta da Galiza e en que á fábrica "non lle era de aplicación" o artigo 32 da Lei de Costas. Ese artigo só permite ocupar o litoral ás instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización. Entón, unha das maxistradas emitiu un voto particular a favor de confirmar a anulación e alertou do "dano" da actividade no litoral.
Indefensión
En xullo de 2023 o Supremo rexeitou os incidentes de nulidade do Concello e da Avogacía do Estado, e o Goberno local de Miguel Anxo Fernández Lores acudiu en setembro dese ano ao Constitucional. O Concello alega "vulneración da tutela xudicial efectiva con indefensión". Sostén que a Audiencia Nacional anulou a prórroga apoiándose unicamente no artigo 32 da Lei de Costas e que o resto de motivos que expuxo nunca foron examinados. Entre eles, que a concedeu un Goberno en funcións, que vulnera directivas europeas sobre a libre concorrencia, que contradí as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de ordenación do litoral e que o prazo non tiña motivación.
O Constitucional admitiu o recurso a trámite en maio de 2025. Apreciou "especial transcendencia constitucional" porque o caso afecta "unha faceta dun dereito fundamental sobre o que non hai doutrina". Antes, o Constitucional non admitira o recurso da Avogacía do Estado contra a mesma sentenza. O Goberno municipal ve tres saídas posíbeis. A primeira é que se anule a sentenza do Supremo e se declare ilegal a prórroga. A segunda, que o procedemento volva atrás para que se estuden os argumentos que non foron resoltos. A terceira, se o fallo é desfavorábel, levar o caso a Estrasburgo. Ence sostén que o recurso non afecta a validez da prórroga.
A APDR, tamén ao Constitucional
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) segue o mesmo camiño. O Supremo desestimou en xullo de 2025 o seu recurso contra a prórroga e en xaneiro deste ano rexeitou tamén o seu incidente de nulidade. Daquela a asociación anunciou que preparaba un recurso de amparo e lanzou unha campaña de cofinanciamento para cubrir os custos xudiciais.