A Xunta repartirá 40.000 dispositivos antiesquecemento de crianzas
Os sensores, destinados a familias con menores de dous anos, distribuiranse gratuitamente a través dos hospitais e centros de saúde.
Os sensores, destinados a familias con menores de dous anos, distribuiranse gratuitamente a través dos hospitais e centros de saúde.

A Xunta da Galiza entregará 40.000 dispositivos para evitar que as crianzas menores de dous anos queden esquecidas no interior dos vehículos. Trátase dun sistema formado por un sensor de presión e peso que detecta a presenza dun menor na súa cadeira de seguridade e activa unha alarma se permanece no coche unha vez rematado o traxecto. Así o anunciou esta segunda feira o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior ao Consello da Xunta, na que os medios de comunicación non puideron formular preguntas, dado que o mandatario non admite cuestións da prensa durante a campaña electoral dos comicios xerais do próximo 29 de novembro.
O Executivo galego prevé distribuír inicialmente 40.000 destes dispositivos de maneira gratuíta, tanto entre as familias con crianzas recentemente nadas como entre aquelas que teñan fillos e fillas menores de dous anos. No primeiro caso, o sensor incorporarase á Cesta Benvida que se entrega nos hospitais galegos, mentres que no segundo se distribuirá a través dos servizos de pediatría dos centros de saúde. As familias non terán que solicitalo expresamente.
O dispositivo consiste nunha alfombra que se coloca baixo a cadeira infantil e que detecta automaticamente se a crianza continúa no vehículo despois de apagar o motor. Nese caso, activa unha alarma sonora de intensidade progresiva para advertir da súa presenza. O sistema funciona de maneira autónoma, sen necesidade de empregar aplicacións móbiles nin conexión á internet.
Segundo explicou Rueda, con esta iniciativa Galiza será "pioneira en Europa" e adiantarase á normativa comunitaria que obrigará a incorporar sistemas de alerta deste tipo nos vehículos novos a partir de 2031. A medida permitirá, ademais, utilizar estes mecanismos de seguridade nos automóbiles que xa están en circulación.
O Consello da Xunta tomou coñecemento do contrato mediante o cal a Consellaría de Política Social e Igualdade destinará 1,35 millóns de euros á adquisición dos dispositivos. A titular deste departamento, Ángeles Vázquez, defendeu a iniciativa como un "apoio fundamental para as familias" e destacou que Galiza será, segundo afirmou, a primeira rexión europea en distribuír gratuitamente estes sensores.
Texto de Nós Diario tal como lo publicó, leído de su página y mostrado aquí con el formato de El Autómata. El original, en nosdiario.gal · Volver a la noticia de El Autómata