Melania Cruz faise co premio á mellor actriz no Festival de Sevilla polo seu traballo en 'Tralovento'
O traballo da intérprete no debut na longametraxe de ficción do meañés Eloy Domínguez Serén "pasará a la historia", en palabras do xurado
O traballo da intérprete no debut na longametraxe de ficción do meañés Eloy Domínguez Serén "pasará a la historia", en palabras do xurado

A actriz Melania Cruz vén de facerse co premio á mellor interpretación femenina no 23º Festival de Cine Europeo de Sevilla polo seu traballo na película Tralovento, o debut na longametraxe de ficción do meañés Eloy Domínguez Serén.
"Fue un proceso que llevó muchos meses de trabajo previo y una labor súper inmersiva”, explicou a intérprete galega, segundo recolle a información do festival andaluz, no seu encontro cos medios, onde contou como a personaxe á que lle dá vida, Ana, é unha muller en crise persoal que se despraza da contorna urbana á rural para acabar descubrindo alí o sentimento de pertenza. O xurado do certame sinalou que esta personaxe, “una mujer que lucha por salvar su pueblo y, de paso, a sí misma", é interpretado "con una intensidad que viene de dentro por una Melania Cruz que te parte el corazón con sutileza”. E acaba certificando que é “una interpretación que pasará a la historia”.
Tralovento foi noticia hai uns días despois de ser retirada da competición do Festival de Mar de Plata polas conexións do evento con Israel, segundo explicaron naquel momento a través dun comunicado tanto o director da película como o produtor, Felipe Lage (Zeitun Films). Eloy Domínguez Serén (Simes, Meaño, 1985), afincado na actualidade en Samieira (Poio), conseguiu repercusión internacional co documental Hamada, rodado en 2018 nos campamentos dos refuxiados saharauis. Co seu salto á ficción con Rompente conseguiu Biznaga de Prata á Mellor Curtametraxe de Ficción no Festival de Málaga. En 2010 formou parte do Xurado Novo da 67ª Mostra de Venecia.
You Don’t Belong Here, do director romanés Florin Şerban, foi recoñecida co Giraldillo de Oro á mellor película nesta edición do Festival de Cine Europeo de Sevilla, segundo o ditame anunciado no acto de lectura do palmarés desenvolvido na mañá deste sátado no Teatro Lope de Vega. O xurado da Sección Oficial estivo presidido polo guionista, novelista e vicepresidente da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de Hollywood Howard A. Rodman e integrado polo director do Festival de San Sebastián, José Luis Rebordinos, as produtoras Lisa Marie Russo e Denise O’Dell e o director, escritor e guionista Miguel Ángel Vivas.
O Gran Premio do Xurado recaeu en Casa en ruinas, do cineasta iraniano Mohsen Gharaei; mentres que o Premio Puerta América viaxa a Suecia da man de Adult Supervision, escrita e dirixida por Alex Schulman e na carreira aos Óscar á Mellor Película Internacional.
O Premio á Mellor Dirección recaeu no italiano Tomasso Landucci por Children Of The Monkey pola súa sutileza e audacia, sempre segundo palabras do veredicto do xurado do festival. A adaptación da novela autobiográfica El director, de David Jiménez, a cargo de Alejandro Hernández e Michel Gaztambide, fíxose merecedora do Premio ao Mellor Guión.
En canto aos galardóns interpretativos, ademais de Melania Cruz, foron premiados como mellores actores Gustaf Skarsgård, Fares Fares e Linus Wahlgren, os tres protagonistas de Adult Supervision, que encarnan os pais que se fan cargo dun grupo de rapaces nunha excursión escolar.
Fóra do palmarés oficial, o Festival de Sevilla tamén recoñeceu o son do último título do galego Andrés Goteira (Dhogs). Trátase da Mención APSA ao Mellor Son de Película Española na Sección Oficial, Rampa ou Embrujo. Segundo se explica dende o evento, este é un novo galardón, concedido pola Asociación de Artistas e Profesionais do Audiovisual de Sevilla. Os gañadores desta primeira convocatoria foron Juan Gay (xefe de son), David Machado (deseño e mesturas de son), Javier Pato (montaxe de son, gravación de foley) e Óscar Nieto (artista foley) polo seu labor en Monstro, de Andrés Goteira.
Neste caso, o xurado valorou “su capacidad para explorar el potencial narrativo del sonido como elemento fundamental del lenguaje cinematográfico; la propuesta sonora novedosa y arriesgada que plantea, abriendo nuevas vías de expresión y experimentación; y el protagonismo que adquiere el sonido en la construcción del relato, convirtiéndose en una parte esencial de la experiencia cinematográfica y no en un mero acompañamiento de la imagen”.
Finalmente, o Premio Queer Ocaña á Liberdade concedeuse, ex aequo, a La bola negra, de Javier Calvo e Javier Ambrossi, con guión coescrito xunto a Alberto Conejero, e a Coward, do neerlandés Lukas Dhont, con guión coescrito xunto a Angelo Tijssens. Javier Paisano, Manolo Rosado e Andrés Martínez Barreiro xustificaron esta concesión “por establecer un diálogo entre ambas películas que, en contextos marcados por la guerra, la intolerancia y la represión, reivindica la libertad de amar, la diversidad y el derecho a vivir sin miedo”.
Texto de Diario de Pontevedra tal como lo publicó, leído de su página y mostrado aquí con el formato de El Autómata. El original, en diariodepontevedra.es · Volver a la noticia de El Autómata