Melania Cruz gaña o premio a Mellor Actriz no Festival de Cinema Europeo de Sevilla por 'Tralovento' · Nós Diario · El Autómata
Lunes, 16 de noviembre de 2026
Portada de las 22:25
Todos los periódicos y la radio, en unoEscrito por IA a partir de 16 medios · Cómo se hace
Edición Galicia
Nós Diario · texto original · CULTURA
Melania Cruz gaña o premio a Mellor Actriz no Festival de Cinema Europeo de Sevilla por 'Tralovento'
A intérprete encarna a Ana, alter ego de Eloy Domínguez Serén na súa primeira longametraxe de ficción, rodada en Vilar de Barrio e atravesada polo conflito e...
A actriz Melania Cruz vén de gañar o premio á mellor actriz na 23ª edición do Festival de Cine Europeo de Sevilla polo seu papel en Tralovento, a primeira longametraxe de ficción do cineasta galego Eloy Domínguez Serén. O filme competía na Sección Oficial polo 'Giraldillo de Oro'.
Cruz dá vida a Ana, unha muller que regresa á súa aldea natal tras varios anos de ausencia despois de que o seu pai morrese no incendio da vivenda familiar. Alí asume a dirección do taller mecánico da familia e emprende a reconstrución da casa paterna mentres a comunidade se divide ante un proxecto de parque eólico.
O papel exixiulle unha implicación especialmente intensa. "Foi un proceso que levou moitos meses de traballo previo, e un traballo súper inmersivo. Cheguei ao final da rodaxe esgotada, exhausta, pero tiven moita sorte porque non me adoitan caer personaxes tan complexos", explicou a actriz durante a presentación da película no festival. Para construír o personaxe, Cruz participou no casting de todos os demais papeis, aprendeu mecánica, a conducir unha moto e até escribiu un diario fóra da rodaxe desde o punto de vista de Ana. "Co diario sentíame moi perdida, porque eu traballo moito desde a circunstancia, poñerme en situación e ver que pasa", confesou. "Houbo un momento en que deixamos o diario e empezamos a improvisar, e eu aí decateime de que o que estaba a escribir tíñao nalgún sitio en min, xa non o tiña que construír. Filtrárase no personaxe".
Un duelo e un conflito veciñal
A película naceu dunha situación de duelo. "Inspireime na historia dun amigo que perdeu o seu pai, co que el non tiña boa relación, e quedei coa idea de como facemos as paces con alguén que xa non está", contou Domínguez Serén. A esa idea sumou o que estaba a axitar a veciñanza de Vilar de Barrio, onde reside, e o oficio de seu pai, ferreiro. "Nas miñas películas sempre hai un traballo físico", apuntou.
Melania Cruz nunha escena de 'Tralovento'. (Foto: Zeitun Films)
O director escribiu o guión con Meritxell Colell e rodou en Vilar de Barrio, unha zona afectada por varios proxectos de parques eólicos, con moitos veciños e veciñas no elenco. Ana é unha muller da cidade que se reincorpora ao rural, e vive o conflito a partir de aí. "Eu mesmo, como veciño, ía aprendendo aos poucos as implicacións deste tipo de proxectos enerxéticos, así que o personaxe vive un proceso parecido ao meu", sinalou.
A súa experiencia no documental tamén pesou no proceso. "Nunca me atrevería a facer unha película como esta sen documentarme moi ben, lin todo o que puiden, acudín a asembleas para coñecer todas as posicións, e os diálogos son traducións de conversacións que escoitei", afirmou o cineasta. O filme está rodado nunha variante dialectal da fronteira con Zamora e con Portugal, coa axuda dunha lingüista.
Para Domínguez Serén, Sevilla é unha cita especial, onde presentou as súas primeiras películas hai dez anos. Agora festexa o éxito de Melania Cruz. "Fainos moitísima ilusión" o premio, asegurou Domínguez Serén tras coñecer o palmarés. "Nunha Sección Oficial con películas internacionais chegadas dos mellores festivais do mundo, foi ela quen levou o premio. Está absolutamente espectacular na película", recalcou o director.
Tras o seu paso por Sevilla, Tralovento chegará a Galiza esta semana para celebrar a súa estrea no marco de Cineuropa. A película poderá verse a cuarta feira 18 de novembro, a las 19.30 horas, en Santiago de Compostela, nunha proxección que suporá o seu primeiro encontro co público galego.
Melania Cruz en "Tralovento", de Eloy Domínguez Serén. (Foto: Zeitun Films)
Natural de Simes, Domínguez Serén comezou na crítica cinematográfica antes de dar o salto á dirección en Suecia. Asinou documentais como No Cow on the Ice (2015), Hamada (2018) e Os corpos (2020) e con Rompente (2022), a súa primeira ficción, gañou a Biznaga de Prata no Festival de Málaga.