Valdeorras, arrasada polo lume en 2025, sofre agora as consecuencias das riadas: “O terreo segue á intemperie, cada vez que chove os arrastres rebéntano todo" · Nós Diario · El Autómata
Lunes, 16 de noviembre de 2026
Portada de las 21:30
Todos los periódicos y la radio, en unoEscrito por IA a partir de 16 medios · Cómo se hace
Edición Galicia
Nós Diario · texto original · SOCIAL
Valdeorras, arrasada polo lume en 2025, sofre agora as consecuencias das riadas: “O terreo segue á intemperie, cada vez que chove os arrastres rebéntano todo"
A pegada dos incendios forestais de 2025 volveu sentirse en Valdeorras. As chuvias do domingo colapsaron estradas e deixaron a veciñanza sen auga potábel.
"A magnitude do acontecido supera con creces a capacidade técnica e material do noso Concello", afirma a alcaldesa de Vilamartín de Valdeorras, a socialista Sherezade Núñez, á fronte desde o pasado domingo do operativo encargado de avaliar os estragos causados polas chuvias e devolver a normalidade aos lugares máis afectados polas enchentes.
En conversa con Nós Diario, Núñez asegura que as precipitacións que volveron colapsar as estradas e as captacións de auga potábel non foron esaxeradas. "Non choveu tanto". "O problema que temos é o mesmo que vimos denunciando desde hai tempo: o terreo forestal segue á intemperie, polo que cada vez que chove, aínda que sexa o mínimo, os arrastres de lodo, pedras e troncos rebentan absolutamente todo".
A subministración de auga potábel quedou restabelecida en todas as parroquias de Vilamartín. (Foto: Concello de Vilamartín de Valdeorras)
Vilamartín amenceu esta segunda feira sen auga en ningún dos 22 núcleos de poboación do municipio. Os puntos de captación de auga de alta montaña ficaron colapsados polo efecto das chuvias e o arrastre de restos forestais e sedimento, que acabou por saturar as bocas de abastecemento. "Só temos tres operarios no concello", que ao cabo da mañá restabeleceron a subministración en todos os núcleos de poboación.
A rexedora de Vilamartín asegura que os danos provocados polas chuvias o pasado domingo son consecuencia directa dos incendios forestais que en 2025 arrasaron 35.000 hectáreas en Valdeorras e afectaron directamente algúns núcleos concretos do concello. É o caso de Leira, entón evacuada ante o avance do fogo que acabou por destruír "decenas de casas". O domingo quedou illada por estrada após afundir a ponte de Baxeles na estrada OU-0807, deixando unha vintena de veciñas e veciños incomunicados durante horas.
Neste punto, o aumento do caudal do Caborco de Ventín, afluente do río Leira, provocou que a auga chegase a circular por riba da calzada. "Produciuse un tapón pola acumulación de materias e un embolsamento de auga" que a infraestrutura de drenaxe non resistiu, describe Núñez.
O derrubamento da ponte abriu un oco na calzada de varios metros que obrigou a cortar o paso e cuxa restauración "vai para longo". Ficaba como única alternativa outra estrada, municipal, que comunica Leira e O Robledo desde o Mazo. "Pero ese camiño tamén se viu colapsado polos arrastres, os desprendementos e a saída de augas subterráneas que cruzan a estrada". Técnicos do concello e da Deputación de Ourense consideraron o paso "inseguro", polo que resolveron cortalo, deixando incomunicado tamén O Robledo, mais sen veciñanza.
Traballos de limpeza dos restos forestais arrastrados polas chuvias. (Foto: Concello de Vilamartín de Valdeorras)
Esta segunda feira a estrada municipal recuperou o tráfico após labores de limpeza e unha nova supervisión do persoal técnico, que garantiu as condicións necesarias para o restabelecemento da circulación. Ademais, Concello e Deputación confirman a apertura dunha segunda vía, forestal, para dar servizo e acceso a Leira e O Robledo.
Expostos a máis arrastres
"Isto pasou e volverá pasar", denuncia a rexedora de Vilamartín, que volve por o foco nos incendios forestais como causa directa dos estragos provocados polas chuvias. "Pero a nosa prioridade agora é restabelecer a normalidade, asegurar o abastecemento de auga e a seguridade de toda a veciñanza, porque hai núcleos de poboación na parte baixa da montaña completamente expostos ás inclemencia meteorolóxicas e aos arrastres", conclúe Sherezade Núñez.
Nós Diario: Valdeorras, arrasada polo lume en 2025, sofre agora as consecuencias das riadas: “O terreo segue á intemperie, cada vez que chove os arrastres rebéntano todo" (este)