O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia xestionou un total de 232 incidencias relacionadas cos fenómenos meteorolóxicos adversos entre a medianoite e as 18 horas deste luns.
Neste mesmo intervalo horario, a sala de operacións atendeu un total de 1.402 chamadas por diversas emerxencias en toda a comunidade.
Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión múltiple na que se viron implicados sete vehículos na A-6, á altura de Culleredo.
O accidente produciuse despois das oito da tarde deste luns no quilómetro 588 da A-6, cando os vehículos tentaban esquivar unha árbore caída na calzada. Un dos alertantes comunicou que o seu vehículo pasara por riba das pólas da árbore, aínda que non resultou ferido.
Ata o lugar desprazáronse efectivos do servizo de mantemento da vía, de Urxencias Sanitarias de Galicia e da Garda Civil de Tráfico. Os equipos confirmaron que había sete vehículos implicados no accidente e que dúas persoas precisaban asistencia sanitaria.
Outras incidencias
A maior parte dos avisos estiveron motivados polas refachos de vento e as precipitacións, con especial impacto na rede viaria. A caída de árbores e pólas nas estradas concentrou o groso das actuacións con 67 rexistros. Ademais, xestionáronse 28 intervencións de prevención de riscos, 19 incidencias pola presenza de restos ou obxectos na calzada, 18 por cables caídos e 10 por desprendementos de terra e pedras.
En Viveiro os refachos chegaron aos 137 km/h e en Vimianzo e Cedeira acadaron os 131 km/h.
Pista do aeroporto da Lavacolla, en Santiago de Compostela
Problemas no tráfico aéreo
O vento tamén dificultou as aterraxes de varios avións con destino Galicia.
Na mañá deste luns, os refachos impediron que tomaran terra en Santiago dous voos procedentes de Bilbao e Madrid.
Pola tarde aconteceu o mesmo con outro avión procedente tamén da capital de España e que debía aterrar no aeroporto vigués de Peinador. Nos 3 casos, os voos foron desviados á Coruña, desde onde os pasaxeiros completaron a viaxe en autobús.
Por distribución xeográfica, a provincia da Coruña acumulou o maior volume de actividade con 104 incidencias, seguida de Pontevedra (62), Lugo (46) e Ourense (18). No ámbito municipal, Vigo (12) e Santiago de Compostela (11) encabezaron o rexistro de intervencións, seguidos de Ribadeo (8), Cambre (6), Ferrol (6), Viveiro (6) e Carral (5).
Activado o plan INUNGAL
A Xunta mantén activo o Plan Especial ante o Risco de Inundacións en Galicia (INUNGAL) en fase de preemerxencia.
En Santa Comba acumuláronse 69,5 litros por metro cadrado e en 68,6 litros no Val do Dubra.
Polo momento, ningunha estación hidrolóxica supera os limiares de seguimento, centrándose o operativo na observación continua dos cursos fluviais.
Desde o 112 Galicia lémbrase á cidadanía a importancia de extremar a precaución ao volante moderando a velocidade, evitar achegarse ás beiras dos ríos, diques ou paseos marítimos, e retirar obxectos de balcóns e xanelas susceptibles de caer á vía pública.