Os orzamentos da Xunta de Galicia para 2027 continúan coa súa tramitación parlamentaria de cara á aprobación definitiva prevista para o próximo mes de decembro, despois de que o PP rexeitase este luns pola tarde as emendas transversais presentadas polo BNG e o PSdeG. Pola mañá, os populares xa fixeran o propio coas emendas á totalidade formuladas pola oposición. No pleno do Parlamento, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, criticou a "manía" da oposición de querer subir cada ano os impostos aos galegos e considerou que as súas propostas non se poden levar á práctica por cuestións como a previsión de "ingresos irreais". Como exemplo, Corgos sinalou os 75 millóns de euros adicionais de recadación por IRPF que propón o BNG e os 25 millóns máis que formula o PSdeG, unhas propostas que contrapuxo ás "rebaixas selectivas" impulsadas pola Xunta.
O BNG PROPÓN MOBILIZAR MÁIS DE 2.400 MILLÓNS E GRAVAR AS RENDAS MÁIS ALTAS
Durante o debate, a deputada do BNG Noa Presas defendeu as propostas da formación nacionalista para mobilizar máis de 2.400 millóns de euros e cuestionou a política fiscal do Executivo galego. Presas censurou a "ridícula" rebaixa de decenas de euros que, segundo denunciou, aplica a Xunta ás rendas máis baixas, ao tempo que reclamou gravar máis a quen máis ten. A parlamentaria nacionalista defendeu que "é posible outro orzamento e outro camiño para o futuro deste país", fronte ao modelo económico e fiscal que promove o Goberno galego. Así mesmo, Presas expuxo diferentes medidas sociais, entre elas a posta en marcha dun plan contra a pobreza infantil, a recuperación do complemento do bono social térmico e o incremento do complemento ás pensións non contributivas.
O PSOE PIDE 200 MILLÓNS MÁIS PARA VIVENDA E 133 PARA SANIDADE
Pola súa banda, o deputado do PSdeG Julio Torrado presentou propostas para incrementar en 200 millóns de euros as partidas destinadas á vivenda e en 133 millóns as de sanidade, unhas medidas que contrapuxo ás contas elaboradas pola Xunta, que cualificou de "fantasía". Ademais, Torrado reprochou ao PP que, ao seu xuízo, só busque reducir os impostos ás persoas con maior capacidade económica, en lugar de priorizar as rendas máis baixas. Para ilustrar esta crítica, puxo como exemplo que unha persoa que traballe na vendima verá unha rebaixa de impostos de apenas tres euros nun mes, mentres que cada membro do Consello da Xunta aforrará 150 euros, segundo os cálculos expostos polo deputado socialista.
O PP ACUSA A OPOSICIÓN DE "INVENTAR UNHA FANTASÍA ALTERNATIVA"
Fronte ás críticas dos grupos da oposición, o deputado popular Alberto Pazos Couñago agradeceu o traballo desenvolvido polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e defendeu o proxecto orzamentario do Executivo autonómico. Pazos Couñago acusou o BNG e o PSdeG de tentar "infantilizar" o debate dos orzamentos ao "inventar unha fantasía alternativa". Co rexeitamento das emendas presentadas pola oposición, as contas autonómicas de 2027 continúan o seu percorrido parlamentario, coa aprobación definitiva prevista para decembro.