O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, defendeu esta segunda feira o proxecto de Lei de orzamentos de 2027 destacando que as contas públicas do vindeiro exercicio ascenden a 15.158 millóns de euros. O capítulo de gastos que máis se incrementa en relación coa anualidade de 2026 é o de gastos financeiros, que crece 10,3%, é dicir, 3,9 puntos porcentuais por riba da media do total da proposta de orzamentos para o ano vindeiro. A suba desta sección de gasto derívase da alta débeda que acumula o Goberno galego, que suma 13.357 millóns de euros, o que equivale a 88,1% do proxecto de contas de 2027.
Corgos defendeu as prioridades de gasto dos orzamentos para rexeitar as emendas á totalidade formuladas polas forzas da oposición. Neste sentido, incidiu no seu carácter social, destacou o importante peso do investimento sanitario e significou o crecemento do gasto en vivenda, que ascende a 545 millóns de euros, 26,7 millóns máis que na anualidade pasada, o que significa un incremento de 5,2%, unha contía inferior ao crecemento da inflación interanual, que no mes de outubro chegou a 5,3%.
Pontón acusa o PP de xerar desigualdade
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apostou por uns novos orzamentos que permitan dar unha resposta aos problemas de vivenda e sitúen no primeiro plano o reforzo dos servizos públicos esenciais. Neste sentido, cualificou as contas como “o mellor exemplo dun Goberno e dun modelo político esgotado, que xera cada vez máis desigualdade e que favorece a concentración da riqueza nas mans duns poucos”.
Pontón criticou as políticas militaristas e demandou un novo modelo de financiamento para a Galiza. A este respecto, denunciou que o sistema vixente está xerando un importante déficit aos servizos públicos galegos e criticou o Goberno galego por rexeitar a quita da débeda pública.
Besteiro denuncia o "fracaso" das políticas da Xunta
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen comezou a súa intervención criticando a ausencia de Alfonso Rueda no debate das contas, argumentou que “o proxecto de orzamentos para 2027 non resolve ningún dos grandes problemas actuais da Galiza”. Nesta dirección, asegurou que “permite continuar unha situación de dependencia económica sobre o contexto global, sen estratexia nin planificación propia”. Ao tempo, denunciou o "fracaso" das políticas públicas de vivenda da Xunta e lembrou que o número de persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda ascende a 37.600.
Democracia Ourensá (DO) rexeitou as contas públicas denunciando que "discriminan Ourense". Neste sentido, o deputado da formación, Armando Oxea, asegurou que os orzamentos destinan a esta circunscrición ao redor de 13,1% do investimento, unha contía moi inferior á da Coruña, que recibe 41,9%; á de Pontevedra, que percibe 31%, e á de Lugo, que fica con perto de 14%. Ao tempo, criticou a baixa execución orzamentaria.