O TSXG considera que o coñecemento do galego é esencial en persoal da CSAG
O tribunal considera que o coñecemento do galego é esencial para desempeñar as funcións do posto e que o nivel lingüístico requirido é proporcionado.
O tribunal considera que o coñecemento do galego é esencial para desempeñar as funcións do posto e que o nivel lingüístico requirido é proporcionado.

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) avalou a exixencia do Celga 2 para acceder a unha praza de especialista de montaxe na Corporación de Servizos Audiovisuais da Galiza (CSAG), ao considerar que o coñecemento da lingua galega resulta esencial para o desempeño das funcións do posto de traballo. O tribunal rexeitou así o recurso presentado por un aspirante que fora declarado non apto na proba de galego durante un proceso de estabilización de emprego no ente público.
Na sentenza, dada a coñecer esta segunda feira, 16 de novembro, a sección primeira da Sala do Social confirma a validez do requisito lingüístico establecido para acceder a unha praza de nivel 8 de especialista de montaxe. O recorrente argumentaba que o nivel de coñecemento do galego exixido resultaba excesivo en relación coas tarefas propias desta categoría profesional.
Porén, os maxistrados desbotan esta interpretación e sosteñen que "o coñecemento da lingua galega é esencial para o desenvolvemento do posto de traballo". Neste sentido, consideran que a acreditación lingüística se estabelece "desde un nivel básico, de forma proporcional ao posto desempeñado", polo que non aprecian unha exixencia desmedida nas condicións de acceso á praza.
A resolución tamén fundamenta a súa decisión na natureza e nas funcións da corporación pública audiovisual galega, entre cuxos obxectivos figura a promoción e difusión da cultura e da identidade da Galiza.
Neste punto, o TSXG recolle os feitos probados da sentenza de primeira instancia, que estabelecía que "a lingua da CRTVG é o galego" e que tanto "a prestación do servizo audiovisual como as comunicacións co persoal deben realizarse neste idioma".
Partindo destas consideracións, a Sala conclúe que "impoñer como requisito o nivel de galego Celga 2 non é desproporcionado para o posto que se pretende estabilizar", polo que confirma a decisión que impedía ao aspirante continuar no proceso tras non superar a proba lingüística.
Deste modo, o tribunal avala a adecuación do requisito ao posto de traballo e ao funcionamento da corporación pública, tendo en conta o papel do galego como lingua propia da entidade e a súa utilización tanto na actividade audiovisual como nas comunicacións internas.
A resolución aínda non é firme, xa que contra ela cabe interpoñer un recurso ante o Tribunal Supremo.
Texto de Nós Diario tal como lo publicó, leído de su página y mostrado aquí con el formato de El Autómata. El original, en nosdiario.gal · Volver a la noticia de El Autómata