A sección primeira da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso presentado por un aspirante ao proceso de estabilización de emprego da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), antiga CRTVG, que fora declarado non apto na proba de galego, e confirmou a validez da esixencia do Celga 2 para acceder a unha praza de nivel 8 de especialista de montaxe. O recorrente, segundo recolle a sentenza da que informou este luns o alto tribunal, alegaba que o nivel de galego esixido era excesivo para as funcións dunha praza de especialista de montaxe. Porén, a Sala considera que "o coñecemento da lingua galega é esencial para o desenvolvemento do posto de traballo" e que a súa esixencia se establece "desde un nivel básico, de forma proporcionada ao posto desempeñado".
O GALEGO, LINGUA PROPIA DA CORPORACIÓN PÚBLICA
A Sala fundamenta tamén a súa decisión no papel do galego dentro do ente público, cuxo obxecto social é promover e difundir a cultura e a identidade de Galicia. A este respecto, a sentenza de primeira instancia, cuxos feitos probados recolle o TSXG, establecía que "a lingua da CRTVG é o galego" e que tanto "a prestación do servizo audiovisual como as comunicacións co persoal deben realizarse neste idioma". Partindo desta consideración, os maxistrados conclúen que "impoñer como requisito o nivel de galego CELGA 2 non é desproporcionado para o posto que se pretende estabilizar". A resolución non é firme, xa que cabe recurso ante o Tribunal Supremo.