Violeta Rodríguez e Denís Bermúdez encabezan a nova directiva da Plataforma Ulloa Viva, centrada na "batalla legal" contra Altri · Nós Diario · El Autómata
Lunes, 16 de noviembre de 2026
Portada de las 21:50
Todos los periódicos y la radio, en unoEscrito por IA a partir de 16 medios · Cómo se hace
Edición Galicia
Nós Diario · texto original · SOCIAL
Violeta Rodríguez e Denís Bermúdez encabezan a nova directiva da Plataforma Ulloa Viva, centrada na "batalla legal" contra Altri
Reunidas en asemblea, as socias da Plataforma Ulloa Viva renovaron este domingo a súa xunta directiva para seguir avanzando na loita contra Altri, desde...
A Plataforma Ulloa Viva celebrou este domingo, 15 de novembro, en Palas de Rei (A Ulloa) a súa asemblea ordinaria e unha extraordinaria, para substituír os até agora presidente e tesoureiro, Juan Pedro Sánchez e Serxio Núñez, que presentaron a súa dimisións por motivos persoais. En asemblea, a plataforma elixiu Violeta Rodríguez como nova presidenta e Denís Bermúdez como tesoureiro. Como secretaria da Plataforma continúa no cargo Ana Otero.
Os membros da xunta directiva da Plataforma agradeceron o traballo feito polo anterior presidente, Juan Pedro Sánchez, e recoñeceron o importante labor feito desde que asumiran o cargo en xullo do ano pasado. Tamén se puxo en valor o traballo desenvolvido neste tempo na tesourería da Plataforma por parte de Serxio Núñez. Ambos seguirán traballando e sendo parte do presente e futuro da plataforma, avanzaron.
Acción social e veciñal
Na asemblea deste domingo, máis de 98% dos perto de 200 votos emitidos proclamaron a nova presidenta e o novo tesoureiro. Violeta Rodríguez (Melide), agradeceu a confianza da asemblea e declarouse "impresionada". A nova presidenta dirixiuse aos socios e socias de Ulloa Viva e valorou a "unidade de acción social e veciñal" que alcanzou o colectivo nos últimos anos na loita contra o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.
Lembrou Violeta Rodríguez que "todas temos un obxectivo común, que Altri non se implante na Ulloa", unha loita e un obxectivo no que puxo en valor "unidade, apoio, colaboración e moito traballo". Violeta Rodríguez, que até agora era vogal do equipo de legal da plataforma, destacou o momento actual das loita contra Altri centrado na "batalla legal". Ao respecto lembrou que a plataforma presentou un recurso contencioso administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) contra o "suposto arquivo" de Altri por parte da Xunta da Galiza e anunciou tamén que Ulloa Viva baralla ademais a posibilidade de emprender novas accións legais á falta de acceso ao expediente de captación por parte de Augas da Galiza.
Asemblea da Plataforma Ulloa Viva este 15 de novemebro en Palas de Rei (A Ulloa). (Foto: Ulloa Viva)
O futuro da loita, segundo destacou a nova presidenta, pasa pola "acción legal e xudicial" contra a macrocelulosa. Violeta Rodríguez destacou que a Xunta Directiva estará "atenta" nun momento no que existe "moita desconfianza e incerteza" nesta loita por mor das "estrataxemas" da Xunta arredor do proxecto.
Pola súa parte, Denís Bermúdez, proclamado novo tesoureiro de Ulloa Viva, agradeceu tamén o apoio das socias e socios; "persoas de idades, procedencias e opinións diversas, que son a nosa grande virtude". Bermúdez lembrou a "repercusión inmensa desta loita grazas ao traballo de todas", e puxo en valor que esta loita da plataforma "forma parte da memoria colectiva da Galiza e temos a obriga de seguir manténdoa viva".
Os socios aprobnaron tamén en asemblea a modificación en diversas cuestións dos Estatutos de Ulloa Viva e a aprobación de Regulamento de Réxime Interno.