Morre en Santiago aos 87 anos Xosé Luis Barreiro Barreiro, referente intelectual, catedrático emérito e exdecano de Filosofía que dedicou a súa vida á USC · El Correo Gallego · El Autómata
Lunes, 16 de noviembre de 2026
Portada de las 22:25
Todos los periódicos y la radio, en unoEscrito por IA a partir de 16 medios · Cómo se hace
Edición Galicia
El Correo Gallego · texto original · Santiago
Morre en Santiago aos 87 anos Xosé Luis Barreiro Barreiro, referente intelectual, catedrático emérito e exdecano de Filosofía que dedicou a súa vida á USC
Referente do pensamento galego con máis de vinte libros publicados e apaixonado da lectura, Barreiro formou a moitas promocións nas aulas da facultade .
A esfera intelectual galega está hoxe un pouco máis orfa logo do pasamento de Xosé Luis Barreiro Barreiro, un dos seus referentes que desde a Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago (USC), á que lle dedicou a súa vida laboral, publicou máis de vinte libros, dirixiu ducias de teses e formou a centos de alumnos. Nado no ano 1939 en Loureiro, no municipio pontevedrés de Forcarei, Barreiro tiña 87 anos.
Aínda que era das Terras de Montes, a súa figura sempre estivo vinculada a Santiago, onde residía e onde estudou, unha formación que completou en cidades como Salamanca,Roma ou Madrid. Catedrático de Filosofía, era especialista no século XIX e centrou boa parte do seu labor na historia da filosofía contemporánea e o pensamento filosófico galego.
Unha traxectoria profesional que o levou a ser decano da Facultade entre 1986 e 1995 e director do departamento de Filosofía e Antropoloxía Social entre 2000 e 2004, entre outras responsabilidades.
A útima publicación de Barreiro, o pasado ano. / Cedida
Un apaixonado da lectura con máis de vinte libros publicados
Persoa moi activa a nivel intelectual, era un apaixonado da lectura, con especial debilidade polo ensaio, un hábito que mantivo ata o final, como contan algúns dos seus achegados, que lembran que este mesmo verán estivo ordenando a súa ampla biblioteca de Oza, no veciño municipio de Teo, onde pasaba as vacacións.
Boa mostra desa actividade intelectual tan intensa é o seu currículo, no que figuran máis de vinte publicacións, a última delas en 2025, o séptimo volume de Identidades e Fronteiras, subtitulado neste caso O libro dos amigos. Lembranzas de convivencia. Trátase dunha obra que regalou e asinou en persoa a moitos amigos e compañeiros con agarimo. No libro, esboza semblanzas de persoeiros cos que mantivo relación persoal, académica, científica e mesmo circunstancial como el mismo di no prólogo, entre eles Díaz Pardo ou Barreiro Fernández.
Na Facultade encargouse da formación de moitas promocións de Filosofía e, de feito, moitos profesores que acabaron impartinto clase alí pasaron polas súas aulas.
Unha última despedida este sábado con misa en Montouto e funeral en Santa Eulalia de Oza
Veciño de Santiago, a nivel persoal Xosé Luis Barreiro Barreiro era viúvo de Ana Valladares Souto, falecida en 1997 e cuxa lembranza permaneceu sempre tanto nel como na familia. A propia dedicatoria do seu último libro di: "A todas/os os que están, aos que están na memoria, e aos que non están, pero que poderían estar".
O matrimonio tivo unha única filla, Lucía Barreiro, unha figura moi importante na vida de Barreiro e que tamén vén de publicar un libro, La generación bisagra. Nestes anos, o finado tamén mantivo un vínculo moi especial con Martín, fillo de Lucía, o seu único neto e que hoxe ten dez anos.
Criado nunha familia humilde, de novo viviu moi de preto a emigración porque algúns dos seus irmáns tiveron que marchar a Panamá, aínda que no seu caso dispuxo dunha serie de oportunidades que lle permitiron quedar na terra e estudar.
O seu corpo vélase no Tanatorio Apóstol Montouto, onde este sábado ás once da mañá (11.00 horas) se celebrará unha misa de corpo presente, antes do enterro no cemiterio parroquial de Santa Eulalia de Oza (Teo).
El Correo Gallego: Morre en Santiago aos 87 anos Xosé Luis Barreiro Barreiro, referente intelectual, catedrático emérito e exdecano de Filosofía que dedicou a súa vida á USC (este)