Vigo acende o Nadal "para todo o planeta" entre críticas pola falta de alternativas habitacionais para quen dorme na rúa · Nós Diario · El Autómata
Lunes, 16 de noviembre de 2026
Portada de las 22:10
Todos los periódicos y la radio, en unoEscrito por IA a partir de 16 medios · Cómo se hace
Edición Galicia
Nós Diario · texto original · SOCIAL
Vigo acende o Nadal "para todo o planeta" entre críticas pola falta de alternativas habitacionais para quen dorme na rúa
O Foro Socioeducativo As Ninguéns denuncia que non se coñece o custo real das festas e que o Concello segue sen activar o dispositivo de frío malia os tempor...
Vigo acendeu este sábado as súas luces de Nadal cun acto multitudinario na Porta do Sol; con música, confeti e até neve artificial. Un ano máis, o alcalde, Abel Caballero, volveu ser o mestre de cerimonias ante miles de persoas. Apareceu baixo a árbore xigante instalada no centro da praza e acompañado polos 18 concelleiros socialistas do Goberno municipal e mais ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Milagros Tolón.
O rexedor definiu o acendido como un momento "emocionante" e afirmou que con el comeza o Nadal "en todo o planeta". Un Nadal que, segundo dixo, é "proximidade" e "paz". Caballero asegurou que "Vigo inventou o Nadal do século XXI" e gabándose de adiantar o inicio das festas a mediados de novemebro, no canto de esperar á ponte de decembro ou mesmo ao 22 dese mesmo mes, día da lotaría. Segundo dixo, moitas cidades inspiráronse en Vigo para comezar antes.
Mercedes Tolón xunto a Abel Caballero e Carmela Silva. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
Tras facer unha conta atrás de 10 a 0 en inglés, castelán e galego, como é habitual, pulsou o botón vermello que acende as luces de toda a cidade. Arredor da árbore houbo un espectáculo de música e luces e mesmo uns minutos para Disney+, colaborador oficial do Nadal de Vigo este ano, que proxectou imaxes coas bandas sonoras das súas películas. Tres horas antes, a plataforma organizara un desfile polas rúas do centro con inchables, bailaríns e patinadores que congregou a "decenas de miles de persoas".
A montaxe das luces que cada ano atraen miles de turistas comezou en xullo. Máis de 12 millóns de luces LED iluminarán a cidade durante case dous meses, en arredor de 500 rúas, con máis de 7.000 motivos ornamentais, 2.700 árbores adornadas e 1.500 arcos. Entre as novidades, o Concello trasladou o mercado Cíes Market e a nora á zona de Vialia e creou 'A Navideña', unha credencial para quen queira acreditar que pasou polo Nadal de Vigo.
O custo que non se ve
Neste contexto de celebración, centrado nun Nadal masificado e comercial, colectivos lovais en defensa da vivenda e de acción social directa como As Ninguéns, de loita contra a pobreza severa, a exclusión social e a estigmatización, aproveitaron a estrea das luces para facer visíbel unha realidade oculta por un gasto "extraordinario" que piden coñecer ao detalle.
As Ninguéns denuncian a "enorme dificultade" para coñecer o custo real das celebracións. Explican que os investimentos se reparten entre distintas anualidades, licitacións, contratos e partidas orzamentarias e que as cifras que se difunden corresponden sobre todo á iluminación. Mais a esa partida, din, hai que sumarlle a decoración e animación das rúas, a cabalgata de Reis, as actividades de Papá Noel e do Carteiro Real, as revisións técnicas e de seguridade, a montaxe e desmontaxe das estruturas e a publicidade.
O colectivo critica que os impostos da veciñanza financien un modelo de "dimensións extraordinarias" mentres seguen desatendidas"situacións de extrema gravidade social" e lembra que hai remanentes municipais millonarios e partidas sen executar a piques de rematar o ano.
Con todo, a denuncia máis urxente que fan ten que ver co frío. Segundo As Ninguéns, o dispositivo municipal de frío segue sen activarse malia os avisos meteorolóxicos por fortes temporais, e os albergues non teñen prazas suficientes. Así, exixen ao Concello que habilite cuartos en pensións e hostais, "tal e como se comprometeu publicamente". Advirten ademais de que nestas datas os prezos dos hostais poden chegar aos 120 euros por noite, polo que persoas que mantiñan un teito precario se ven obrigadas a deixalo "precisamente cando chega o inverno".
"Non pedimos cancelar o Nadal"
O foro vincula tamén o modelo de grandes eventos coa turistificación, a presión sobre a vivenda e a desigual atención aos barrios afastados do centro e lembra as queixas da veciñanza do centro pola masificación, como o ruído e as dificultades para o paso das ambulancias.
"Non pedimos cancelar o Nadal, retirar as luces nin deixar de celebrar. Pedimos mesura, prudencia, transparencia e responsabilidade política", sinala o colectivo, que conclúe que "mentres haxa persoas durmindo á intemperie, familias ameazadas de desafiuzamento e veciñanza sen acceso a unha vivenda digna" haberá "moi pouco que celebrar".
Música, confeti e neve artificial animaron o acendido das luces de Nadal en Vigo este 14 de novemebro. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
Tamén desde a Acampada de Vigo pola vivenda, que este domingo comezou a recoller as súas pertenzas na Alameda, denuncia que o Concello deixou sen alternativa a máis dunha decena de persoas que quedaron na rúa tras a desacampada. Segundo o colectivo, a única opción que lles ofreceu foron os tres albergues da cidade, que están completos agás "dúas prazas para mulleres no de Teis" e "anotarse nunha lista de espera".
Concentración
Aseguran desde o colectivo que o Goberno local alegou tamén que os servizos están saturados pola campaña Nadal Xuntos e rexeitou activar as Axudas de Emerxencia Municipal para pagarlles un hostal por non haber vaga de frío.
A Acampada convoca unha concentración esta segunda feira, 16 de novembro, ás 11 horas na Praza do Rei, diante do Concello, exixir unha solución habitacional inmediata.