Denuncian un "acurralamento" policial en Compostela o 11-N que acabou cunha moza hospitalizada
Aseguran que, xa terminada a manifestación, varios axentes puxeron un grupo de persoas "contra a parede" e que as golpearon.
Aseguran que, xa terminada a manifestación, varios axentes puxeron un grupo de persoas "contra a parede" e que as golpearon.

Unha trintena de persoas concentráronse este sábado na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, para protestar contra o "acurralamento" policial que sufriu un grupo de manifestantes pola vivenda o día da folga xeral. Estes feitos, ocorridos nunha rúa próxima ao Parque de Belvís, terminaron cunha moza de 19 anos hospitalizada.
A convocatoria da concentración deste sábado, difundida en redes pola acampada do Obradoiro, sostén que as vítimas se viron "encerradas entre dous furgóns" dos que baixaron varios axentes para "golpealas contra a parede entre berros e porrazos". Coinciden en que "non buscaban identificalas, senón darlles unha malleira a sangue frío", engaden.
Un dos presentes nesta nova protesta, Miguel García, explicou en declaracións a Europa Press que, a terza feira, un grupo de manifestantes continuou até a mesma Praza do Obradoiro, onde realizaron unha sentada pacífica. Cando esta se disolveu, algúns deles subiron cara á praza de Cervantes para realizar piquetes informativos nos negocios abertos.
A continuación, xa unicamente quedaba un grupo máis reducido dunhas 20 ou 30 persoas, á súa vez "disperso" e dividido entre afíns. "Cando saímos pola praza de Abastos e baixamos cara a Virxe da Cerca, apareceron varios furgóns. Eu levaba todo o día vendo violencia policial no Estado, entón púxenme a correr", explica este mozo, que ademais criticou os feitos cun vídeo en Instagram.
Aínda que el decidiu baixar por outra rúa, varias persoas fixérono por la rúa das Trompas, ao lado de Belvís, até onde se desprazaron os furgóns. Alí é onde, segundo o seu relato e o do manifesto lido na concentración, estas persoas foron "acurraladas" e "obrigadas a poñerse contra a parede", tras o que os axentes cargaron contra elas.
Fontes do 061 confirman que, por mor destes feitos, un equipo sanitario trasladou en ambulancia a unha moza de 19 anos ata o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) preto das 22 horas. Segundo Miguel García, que afirma coñecela, a agredida recibiu grampas sobre a ferida e xa obtivo a alta hospitalaria. Pola súa parte, a Policía espàñola, consultada por Europa Press, asegura que estes feitos non se abordaron na reunión mantida para tratar o desenvolvemento da folga. As mesmas fontes indican que se concluíu que a xornada finalizou na Galiza sen incidentes de especial relevancia.
Neste contexto, a concentración deste sábado reuniu decenas de persoas entre as tendas de campaña e a Catedral de Santiago para alertar dunha "escalada da violencia policial" e denunciar "comportamentos violentos" por parte dos axentes durante a xornada de folga, incluíndo tamén as cargas nos piquetes informativos de primeira hora da mañá en Amio.
As persoas presentes corearon cánticos como "Policía culpábel, Goberno responsábel", "Ningunha agresión sen resposta", "Abaixo a 'lei mordaza', queremos volver a casa" e "Contra o Estado policial, autodefensa radical". Este último lema podíase ler nunha gran pancarta que a acampada xa utilizou nunha mobilización por mor das cargas ocorridas na Coruña durante unha visita do líder de Vox, Santiago Abascal.
A quinta feira, o Sindicato de Vivenda de Compostela, parte do comité de folga, emitiu un comunicado no que expresou o seu rexeitamento á "violencia policial sucedida" durante o 11-N, entre la que alude á "agresión deliberada e covarde" en Belvís e a un "intento de carga" ao cabo da manifestación. Segundo a entidade, "os corpos policiais preparáronse para unha intervención violenta".
"A pesar de que desde o primeiro momento o Sindicato mostrouse colaborativo e comunicativo coa Policía, os axentes prepararon os seus equipos antidisturbios, as pistolas de goma e os gases lacrimóxenos desde o momento no que se terminou a lectura do manifesto na xornada de pola tarde", recolle o texto, que tamén carga contra "manipulacións mediáticas".
Ao respecto do acontecido en Belvís, os seus membros esixen a depuración de responsabilidades, a identificación dos axentes implicados e o arquivo de calquera denuncia ou sanción contras as persoas manifestantes. "As compañeiras agredidas non van estar soas: acompañarémolas nas rúas, nos xulgados e onde faga falta", engaden.
Texto de Nós Diario tal como lo publicó, leído de su página y mostrado aquí con el formato de El Autómata. El original, en nosdiario.gal · Volver a la noticia de El Autómata