O concello lugués de Quiroga non librou das intensas precipitacións que afectaron Galicia, e sobre as dúas do serán saltaban as primeiras consecuencias.
Unha bolsa de auga arrastraba pedras e refugallos por un noiro, afectando parcialmente á dúas vivendas e a unha estrada lindeira.
"Caeron travesas. Esta árbore é de alí enriba. O certo é que foi un susto grande", comenta Antonio Roda, un dos veciños prexudicados.
O desprendemento acabou afectando as vías do tren no lugar de Freixeiro, interrompendo a circulación ferroviaria entre Monforte e Ponferrada. Dous convois de media distancia que cubrían a liña Guillarei-Ponferrada quedaron detidos. Un deles retrocedeu cara a Monforte, recolocando sete pasaxeiros nos seus destinos mediante transporte por estrada.
"Eu chamei para que non pasase o tren por aquí, máis que nada polas cousas que pasaron ultimamente, porque penso que non é seguro", relataba o veciño afectado.
Tras os traballos para eliminar a bolsa de auga, entre o GES de Quiroga e os técnicos de ADIF e tras as comprobacións de seguridade, o administrador de infraestruturas Adif informaba antes das seis do serán que a incidencia se solucionara. Iso si, os veciños piden medidas.
"Que saiban que isto está deixado. Que cómpre facer un muro, que onde está a poboación hai que coidarnos un pouco máis porque estamos expostos. Isto é un aviso pero a próxima vez non sabemos que vai pasar. Isto (os refugallos) non chegou á casa, non sei por que", sinalaba o veciño prexudicado.
Os traballos de mantemento permiten que o tren Alvia que tiña previsto chegar a Vigo á noite procedente de Barcelona, poida circular polo punto sen complicacións.