A Consellería de Educación é condenada por vulnerar a liberdade de expresión dunha profesora - Praza Pública · Praza · El Autómata
Lunes, 16 de noviembre de 2026
Portada de las 21:50
Todos los periódicos y la radio, en unoEscrito por IA a partir de 16 medios · Cómo se hace
Edición Galicia
Praza · texto original · Acontece
A Consellería de Educación é condenada por vulnerar a liberdade de expresión dunha profesora - Praza Pública
A Xunta sancionou unha docente por enviar a compañeiros un correo crítico cunha decisión da directora do seu centro, pero un xulgado de Ourense non ve nada incorrecto no escrito polo que a sanción "vulnera o principio" de "liberdade de expresión"
Un xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense vén de condenar a Consellería de Educación por vulnerar a liberdade de expresión dunha profesora ao sancionala por enviar a compañeiros seus un correo electrónico crítico cunha decisión da directora do seu centro. A sentenza di que a crítica da docente pode "encadrarse no debate propio e ordinario do funcionamento de calquera centro escolar" e que no seu correo non se identifica ningunha incorrección, polo que sancionala como se fixo, cunha suspensión de funcións de 14 días, "vulnera o principio de tipicidade e de liberdade de expresión".
Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza, a profesora enviou un correo electrónico en marzo de 2025 a compañeiros do seu centro escolar coa indicación "Asunto: Autocracia" e definindo a mesma como "forma de goberno na cal a vontade dunha soa persoa é a suprema lei". No texto criticaba que nas fiestras dalgunhas aulas do centro se instalase un sistema de seguridade que impedía abrilas máis duns poucos centímetros, sistema que na súa aula impedía ao seu ver unha ventilación suficiente, pero que non se instalara na aula da directora.
"Cal é o motivo desta discriminación?", preguntábase, para engadir de xeito irónico "viva a coherencia, a democracia e a igualdade de condicións laborais. Consellos vendo que para min non teño".
A Xunta considerou ese correo un incumprimento do artigo 187.1.c) da Lei de Emprego Público de Galicia que prohibe "a incorrección con outros empregados públicos", polo que o director territorial de Educación en Ourense sancionou á profesora como autora dunha falta leve cunha suspensión de funcións por 14 días. A Xunta chegou a argumentar durante o proceso que o envío "masivo" do correo afectara "á dignidade persoal e profesional da directora do centro". A muller recorreu a sanción pero o director xeral de Centros e Recursos Humanos da consellería desestimouno o pasado novembro e a afectada tivo que acabar acudindo á xustiza.
Acto da Consellería de Educación sobre convivencia escolar CC-BY-SA Xunta de Galicia
A análise que fixo a xuíza do caso do correo foi que o seu envío "non constitúe por si mesmo unha incorrección" e que o seu contido limítase a recoller "unha opinión crítica", unha "discrepancia en relación coa decisión do equipo directivo" na que "non se recolle expresión algunha insultante ou manifestamente irrespectuosa". Esa crítica, engade a sentenza, "pode encadrarse no debate propio e ordinario de funcionamento de calquera centro escolar, ou calquera outro centro de traballo, e amparada pola liberdade de expresión".
A sentenza remata sinalando que estes feitos non poden encadrarse no artigo da lei de emprego público que a Xunta considerou incumprido, o que prohibe "a incorrección con outros empregados públicos". Así que a sanción da profesora, di, "non é axustada ás circunstancias acaecidas, polo que a resolución impugnada vulnera o principio de tipicidade e de liberdade de expresión". Así que a sentenza conclúe estimando o recurso da afectada e anulando a súa sanción, impoñendo o pagamento das costas procesuais á Xunta.
O pasado maio Praza.gal xa revelou outro caso dun profesor ao que Educación sancionara por discutir co director do seu centro sen tomar declaración á única testemuña do ocorrido.