O debate electoral que organizou e retransmitiu esta segunda feira a TVG, o único na televisión pública galega nesta campaña e emitido a unha hora, as 9.30h, moi afastada do prime time —o que provocou as críticas das forzas da oposición ao interpretar a decisión como un desexo do PP de "fuxir" do debate e da confrontación de ideas antes do 29-N—, mostrou un PP atrincheirado no "non a Sánchez" como principal liña argumental.
O primeiro bloque, de estrita actualidade e unha das principais preocupacións da cidadanía, pivotou arredor da vivenda e provocou que tanto a representante socialista, Patricia Otero —cabeza de lista ao Congreso por Lugo—, como o da Fronte Ampla, Paulo Carlos López —número dous ao Senado por Pontevedra dentro da coalición co PSOE 'Senado de Progreso'—, e mais o do BNG —número un ao Congreso pola Coruña—, Néstor Rego, puxesen o foco nesta cuestión que centra boa parte das súas campañas e criticasen a postura adoptada polo Partido Popular a respecto da folga xeral do pasado 11 de novembro e do seu detonante, os falidos decretos de vivenda —o primeiro deles aprobado finalmente pola Deputación Permanente do Congreso a pasada semana—.
"A competencia en vivenda é das comunidades autónomas, e a Xunta da Galiza boicotea a Lei de vivenda. Non cede solo para construír vivenda pública. Deixen de meter medo coa okupación e traballen", afeou Otero, en resposta a un Francisco Conde, cabeza de lista do PP ao Congreso por Lugo, que xustificara a oposición do seu partido á normativa actual nesta materia por non ser a "solución" á crise actual e por supor, dixo, "máis intervencionismo e máis protección para os okupas". "A vivenda é un dereito para todos menos para o PP", insistiu a socialista. Tamén Paulo Carlos López sinalou o Goberno de Alfonso Rueda como "o principal responsábel de que o prezo do aluguer suba", responsabilizou o PP de "pór unha alfombra vermella aos fondos voitre" e viu o 'Decreto Maricarmen' como "un primeiro paso necesario" que ao seu ver debe continuar con medidas como aprobar no Parlamento "unha lei que indexe os alugueres aos salarios reais" para controlar a súa suba.
Néstor Rego, pola súa parte, lembrou o apoio do BNG a unhas medidas que considerou "insuficientes" mais necesarias no momento actual e chamou a seguir avanzando para atallar a crise da vivenda cunha intervención do mercado ou coa mobilización das vivendas baleiras que están en mans de fondos voitre ou da Sareb —unhas 3.000 na Galiza—. Afeou tamén a falta de construción de vivenda protexida na Galiza baixo os gobernos do PP e puxo cifras a este balance: "Entre 2015 e 2022 só construíron 15 para aluguer social. O ano pasado, só cinco vivendas protexidas".
Conde, pola súa parte, salientou a necesidade de protexer os "dereitos dos propietarios", afirmou que as medidas adoptadas na Coruña e en Santiago de Compostela a raíz da declaración de 'zona tensionada' provocou a "retirada de vivendas en aluguer" e situou a construción de máis vivendas como eixo central da súa proposta, ao tempo que culpou da situación actual a "incompetencia do Goberno español, que condenou unha xeración de mozos a non atopar unha vivenda".
O encarecemento do cesto da compra e a suba de bens esenciais como os carburantes ou a enerxía foi outra das cuestións que motivaron a folga xeral do 11-N, e neste bloque do debate o PSOE, a Fronte Ampla e o BNG coincidiron en apuntar ao escenario global actual. "O Goberno respondeu cun tope ao gas, con bonificacións ao transporte público... mentres o PP e os seus socios aplaudían coas orellas aos responsábeis, Trump e Netanyahu", alegou Patricia Otero, aludindo á agresión militar emprendida polos Estados Unidos e Israel contra Irán que desencadeou a última crise de prezos, cunha inflación hoxe disparada na Galiza, á cabeza do Estado.
"As consecuencias das guerras tocan de perto os petos dos galegos e das galegas. Non foi o Goberno do Estado, foron os amigos do PP e de Vox os que coa guerra no Irán fixeron que subisen a gasolina e a enerxía. De feito, grazas a este Goberno a xente ten acceso a uns prezos asequíbeis", engadiu Paulo Carlos López, quen instou a condenar "todas as guerras, defendendo a paz tanto en Palestina como en Ucraína, sempre contra o imperialismo", e preguntou a Conde se censura "a política de guerra de Trump".
Tamén Néstor Rego apuntou ás "aventuras imperialistas que nós acabamos pagando" como causa fundamental da carestía de vida, cunha guerra contra o Irán "que aplaudiu o PP" e que "fixo subir os combustíbeis e arrastrou outros sectores". Neste punto, afeou tamén que a cidadanía "ten que decidir hoxe se enche a neveira ou se paga a factura enerxética" e que a actuación do Goberno español foi insuficiente: "Non topou os prezos dos combustíbeis e dos servizos básicos, de produtos esenciais, nin se reduciron como se precisaba, nion se topou o prezo dun cesto da compra básico". Medidas, asegurou, "que un Goberno que se di progresista debería adoptar". Reivindicou a este respecto a mobilización masiva do pasado 11-N como "orgullo de país" e, para facer fronte á crise actual, demandou "medidas eficaces que permitan non sobrevivir, senón vivir", lembrando que o salario mensual é, de media, 600 euros inferior na Galiza que en Madrid. "Precisamos subir o salario mínimo interprofesional (SMI) e as pensións mínimas a 60% do salario medio e mellorar os servizos públicos esenciais para que todo o mundo acceda a eles en igualdade de condicións", subliñou.
Alleo ao panorama global debuxado polas outras tres formacións, o representante do PP insistiu en descargar toda a responsabilidade no Executivo de Pedro Sánchez: "A inflación e os impostos dependen do Goberno". A súa receita, como xa vén insistindo en campaña Alberto Núñez Feixoo, baséase na redución de impostos, entre os que citou o IRPF, o gravame á xeración de enerxía ou o IVE dos alimentos a 0% "mentres dure a situación de inflación". Medidas que ao seu entender non adopta Moncloa porque "fai caixa coas familias".
"O seu mantra e única medida é baixar os impostos... e como financiamos entón os servizos públicos?", retrucoulle a socialista Patricia Otero, quen enxalzou o crecemento das afiliacións á Seguridade Social e a baixada do paro no Estado nesta lexislatura "como froito da reforma laboral", apuntando ao "aumento dos contratos indefinidos e da estabilidade laboral".
Neste aspecto recriminou a Néstor Rego que "non estivo á altura" coa súa oposición a ese texto, ao que o nacionalista respondeu afirmando que vía as forzas do actual Goberno "nerviosas co avance do BNG" e lembrou o compromiso "incumprido" de derrogar por completo a reforma laboral de Mariano Raxoi. "E non o fixeron, terán que asumir que as condicións do despedimento improcedente sexan as mesmas que co PP", censurou. Porén, dixo non equivocarse "de inimigo", que para o BNG é a "ameaza" que representa un potencial Goberno do PP con Vox que desenvolva a súa "axenda de involución". E recordou que "houbo no Congreso unha proposta para subir os impostos á banca e ás grandes enerxéticas que levou o Goberno porque o pedimos as forzas soberanistas". En materia enerxética, ademais, sinalou a "tarifa eléctrica galega" como a "maneira máis eficaz de que reverta no país o feito de que Galiza sexa produtora neta de enerxía". "E todos vostedes están en contra; eu creo que é unha medida que entenderían todas as familias galegas", subliñou. A "única medida do PP" en materia de desenvolvemento económico, dixo Rego, foi "unha macrocelulosa na Ulloa", en alusión a Altri. Neste senso, instou Conde a desvelar o contido do memorando asinado entre o Goberno galego —por el mesmo— e a empresa portuguesa. "A que se comprometeron?", interpelouno.
Na súa quenda, Paulo Carlos López negou equivocarse "de inimigo" e incidiu tamén na necesidade "de que as forzas progresistas sumen" após o 29-N, ao tempo que defendeu a última reforma laboral aprobada como a que "máis emprego trouxo á Galiza e ao Estado". "Podería mellorarse, pero era boa, e a ministra debía sacar adiante o que podía coa correlación de forzas do Congreso. É a mellor reforma laboral que houbo no Estado e o BNG votou en contra", destacou. "Non o foi, e incumpriron o compromiso", retrucoulle Rego.
López, aliás, reivindicou a suba do SMI nas dúas últimas lexislaturas, "que beneficia 83.000 persoas na Galiza", e a este respecto dirixiuse a Francisco Conde: "Se gobernasen, baixarían o SMI? Se non o farían, recoñecerían que foi unha medida acertada; se si o baixarían, díganlle canto á xente". Tamén reivindicou a presenza de Sumar no Goberno español como eixo de conseguir o "maior progreso da historia".
Infraestruturas e servizos públicos
A autoestrada AP-9, a prórroga da súa concesión até o ano 2048 por parte do Goberno de José María Aznar e o acordo alcanzado por PSOE, Sumar e BNG no Congreso para o seu traspaso definitivo á Galiza centrou boa parte do bloque relativo ao estado das infraestruturas, a mobilidade e os servizos públicos. "O PP de Aznar, de Feixoo e do señor Conde foi quen prorrogou a concesión até 2048, a cidadanía ten que sabelo", destacou un Paulo Carlos López que pediu ao PSOE "máis valentía" para nacionalizar a AP-9. Tamén Patricia Otero apuntou a unha "herdanza do PP de Aznar co silencio cómplice de Feixoo; privatizaron e logo prorrogaron a concesión".
"Os son orfos, mais os éxitos teñen moitos pais e nais", dixo Néstor Rego, en alusión ao PSOE e á Fronte Ampla —na que se integra Sumar— destacando que a bonificación até 75% das peaxes para usuarios recorrentes foi un compromiso selado no acordo de investidura do BNG cos socialistas. Tamén reiterou que a formación nacionalista exixe "que sexa gratuíta e acabe a concesión", e sinalou como "incontestábel" que o PP "é o responsábel de que sigamos pagando peaxes, e o BNG, de que os usuarios recorrentes só paguen un euro de cada catro desas peaxes".
Francisco Conde xustificou o 'non' do PP ao texto impulsado por PSOE, Sumar e BNG para a transferencia da AP-9 insistindo en que "rompeu o acordo unánime do Parlamento galego" e en que "non deixa claro" que o Estado asuma os custos debidos, algo que retrucaron desde as outras tres forzas políticas. Tamén afirmou que as infraestruturas "non poden estar máis degradadas" no Estado, o que é ao seu ver a "clara demostración de que o Goberno estaba a outras cousas, como a corrupción". "Non hai mantemento, 115 persoas morreron [nos sinistros de tren de Adamuz e Urda] por un Goberno irresponsábel que non mantivo as vías en condicións", reiterou, e debuxou unha situación na que "Galiza perde": "Uns prezos astronómicos na AP-9, que depende do Goberno; sen noticias da alta velocidade a Portugal, nin do tren a Lugo, nin do tren de mercadorías; a A-54 está gardada nun caixón, igual que a autovía da Mariña... Vivimos unha paralización dos investimentos en infraestruturas". "Conde atrévese a falar da A-54... mais como a atopamos cando chegamos ao Goberno? Nun caixón. E agora está perto de rematar", retrucou Patricia Otero.
Afirmou tamén que “ningún servizo público está hoxe mellor que antes de 2018” e citou o informe PISA, a folga de médicos e as listas de espera obviando que educación e sanidade son competencias da Xunta da Galiza, algo que lle retrucou Paulo Carlos López: “Abriu vostede a app do Sergas? Pediu cita? Para cando a ten? A min dinme que a miña médica non está dispoñíbel... Que nos queda? Ir a Urxencias? Á privada?”.
Paulo Carlos López sostivo que “Galiza perde porque o PP é o do non”, aos alugueres e á AP-9, e emprazouno a negociar na comisión bilateral e aprobar o traspaso, algo que, dixo, “vostedes non queren”. Presentou como propostas da Fronte Ampla un metro lixeiro nas áreas metropolitanas da Coruña e de Vigo e unha farmacéutica pública en Compostela. Conde saíu ao paso dicindo que “non se quere falar de infraestruturas nin de servizos públicos”, e preguntou “onde está o noso diñeiro”. Prometeu reducir “gastos superfluos” e un plan de infraestruturas de 300.000 millóns de euros en 15 anos para “reverter a decadencia”, que vinculou á “corrupción do PSOE de Sánchez”.
Otero respondeu cunha pregunta: onde está o diñeiro que o Estado transfire á Xunta para sanidade, educación e servizos sociais, se a cidadanía non ve melloras? Pediulle que “deixe de mentir”, porque a lei aprobada respecta “escrupulosamente” a lei da AP-9 para a Galiza, da que ela e Rego foron relatores, e preguntou se a Xunta presentará un recurso de inconstitucionalidade. Reivindicou que a lei é “froito do consenso e do diálogo”, xunto coas bonificacións na AP-9 e na AP-53, e recoñeceu que “queda moito por facer”.
Aliás, o representante do BNG sinalou como prioridade impulsar os servizos ferroviarios, cunha liña "aínda moi deficiente", o que "obriga a usar autoestradas como a AP-9 e a AP-53", e destacou a aposta polos Cercanías e o compromiso alcanzado co Goberno español para estudar unha proposta que permita "revolucionar o transporte urbano" na Galiza.
Rexeneración democrática
O último bloque abriu coas eleccións estatais do 29-N á vista. Rego, a poucos días do 25-N, preguntou que acordou o PP con Vox en materia de violencia machista. Dixo que Vox a nega, que o PP anuncia que recortará o dereito ao aborto, que se alía con negacionistas e que suprimirá o Ministerio de Igualdade. Lembrou que o BNG introduciu no acordo de investidura a creación de novos xulgados de violencia de xénero e defendeu que “non se pode dar un paso atrás”. Criticou tamén que Alberto Núñez Feixoo diga que é feminista “porque ten nai”, e lembrou que en 2019, cando Juan Pérez Miramontes foi detido por un delito de trata e explotación sexual, non tivo palabras para as mulleres, “só para lle desexar sorte”.
Conde dixo que o PP pretende unha “rexeneración democrática”, con rendición de contas, orzamentos cada ano e cargos nomeados “polo seu valor e mérito”, e “non como fixo o PSOE, que tratou Adif como unha axencia de colocación”. Para sustentar o seu argumento, enumerou os casos que arrodean Sánchez: “A muller do presidente, pendente de xuízo; o seu irmán, condenado, Zapatero, imputado, e o ex ministro Ábalos, no cárcere. Só falta o cabecilla da banda”, dixo, en referencia a Pedro Sánchez.
Otero respondeu que é “incríbel” que o PP fale de rexeneración e defendeu que o PSOE, cando tivo casos de corrupción, “recoñeceunos, avergoñouse e dotouse de mecanismos para evitar que se repitan”. Botou en falta que Mariano Raxoi dixese que estaba avergoñado polo seu ministro do Interior no caso Kitchen, e lembrou que aínda hoxe se fala da chamada “policía patriótica”. Acusou PP e Vox dunha campaña de “bulos, mentiras, difamacións e insultos” ao presidente desde 2018 e de ir da man da extrema dereita, “daqueles que queren entrar con motoserra” e que, dixo, fan exaltación do franquismo e defenden ideas racistas, xenófobas e contra as persoas trans e as mulleres. “Non hai representación de Vox hoxe neste debate porque xa está a do PP, que defende as mesmas ideas”, sinalou.
Paulo Carlos López dixo estar “moi preocupado” porque o 29-N é, ao seu ver, un referendo sobre a vivenda e a democracia, e porque a “sombra de Vox e de Abascal” pode chegar ao Goberno. A súa receita é que PP e extrema dereita non cheguen. Acusou o PP de converterse nun “partido ultra”, de calar ante o xenocidio en Gaza e de non condenar as guerras. Preguntou a Conde se imaxina Santiago Abascal como vicepresidente, Jorge Buxadé como ministro contra a violencia machista —“mais Feixoo xa dixo que eliminará o Ministerio de Igualdade”, dixo— e José María Figaredo de ministro de Pensións “sen saber de que vai”. Insistiu, sobre o aborto, en que o corpo das mulleres non é “campo de batalla” nin está “na mesa de negociación”, e pediu a Conde que llo transmita ao seu “socio de Goberno”.
Conde respondeu que o único medo é que siga “este Goberno corrupto” e acusou Otero de vitimizarse coas mulleres. Dixo que as únicas vítimas son elas “por culpa do PSOE”, e citou os “agresores na rúa pola Lei do ‘só si é si’ e as pulseiras fake antimaltrato, que están baixo investigación”. Engadiu que as mulleres foron “manoseadas” polo Goberno e os partidos nacionalistas —expresión que afearon, por desafortunada, os seus rivais no debate—, e que “o PSOE e o BNG apoian un Executivo corrupto”. Otero replicou que o único partido condenado por corrupción neste país é o PP e que Conde “só mentiu nas súas intervencións” e dixo que o PP compite con Vox por “ver quen é máis extremista”, e que quere derrogar a lei do aborto, a da eutanasia e a da memoria democrática.
Rego, pola súa parte, dixo que Conde “minte, como sempre fai o PP”. Explicou que o BNG apoiou a investidura e despois só o que lle pareceu positivo para a Galiza, e que se opuxo ao negativo, como unha proposta de financiamento “insuficiente” porque o BNG quere “máis para os servizos públicos” e aposta por un modelo como o concerto económico. Dixo que o PP “sabe moito de corrupción, coa Kitchen, a Púnica e o ático”, e que Feixoo minte cando di que non pactará con Vox, porque xa o fai en comunidades autónomas e tamén en Pontevedra, nas eleccións ao Senado. Acusou o PP de ir a Madrid “en contra dos intereses da Galiza” e citou a quita da débeda, a AP-9 e os trens de Cercanías.
Paulo Carlos López fechou a rolda chamando a concentrar “todo o voto progresista galego” na Fronte Ampla, e a estabelecer un “cordón sanitario” fronte ao PP e a Vox como “mellor medida de rexeneración democrática”.
Os minutos de ouro
Rego fechou apelando a “defender a Galiza e as maiorías sociais e parar a ultradereita”, e presentou o BNG como “a forza máis útil”, a que “defende todos os días” o país. Cada deputada máis do BNG supón “un escano menos para as dereitas reaccionarias”, sostivo. “Somos o pobo do ‘Nunca Máis’, o que parou Altri”, recordou, e pediu non quedar na casa o 29-N.
López pediu “respecto para quen pensa distinto”, mais dixo que quen dubide non debe votar PP: “Pensade se queredes Abascal de vicepresidente, quen quere cazar inmigrantes, quitar dereitos ás mulleres e prohibir o galego”. Mandou tamén unha mensaxe de esperanza: se a cidadanía que se manifestou pola vivenda vai votar, “haberá Goberno de progreso”. Pediu “voto como unha casa” e rexeitou “un mundo de merda” onde manden “Netanyahu Milei, Trump e Abascal da man de Feixoo”.
Otero defendeu que a Galiza de hoxe “non é a de hai oito anos, e é mellor”, co SMI en alza e as pensións actualizadas co custo da vida. Recoñeceu que isto non chega e que se pode ter traballo e non poder pagar o aluguer, pero dixo que están “no camiño”: máis vivenda pública e mellores salarios, para que o futuro “non dependa dos cartos que teñas”. Rematou dicindo que só unha papeleta pode impedir a involución, “a do PSOE”.
Conde cualificou o 29-N de “oportunidade histórica” para acabar co sectarismo e votar “con memoria e esperanza”, sen esquecer o “bochorno” de Ábalos, Zapatero e “o seu xefe, Sánchez”. Dixo que o Goberno está “a outras cousas” mentres o cesto da compra e a vivenda seguen a subir, e pediu un voto “polo cambio” que representa o PP, “necesario” para que España poida funcionar como a Galiza.