Esgotado o orzamento do Bono Emancípate 2026 despois de chegar a un total de 1.366 mozos e mozas
...
...
A Xunta publicou este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) o esgotamento do crédito destinado ao Bono Emancípate de 2026 tras chegar a un total de 1.366 mozos e mozas. Segundo se recolle na resolución da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o programa contaba cun orzamento inicial de 2,92 millóns de euros. Unha vez tramitada parte das solicitudes presentadas, o departamento autonómico explica que os fondos se esgotaron, agás 1.000 euros, unha contía insuficiente para conceder unha nova axuda.
A convocatoria establece un procedemento de concesión por orde cronolóxica de entrada das solicitudes completas e, en concreto, a última que puido ser concedida antes de se esgotar o crédito foi presentada o 16 de febreiro.
1.366 MOZOS E MOZAS BENEFICIARIOS
Así, este ano recibirán esta axuda para afrontar os primeiros gastos derivados de emanciparse nun fogar propio un total de 1.366 mozos e mozas, 300 máis ca no exercicio anterior. Ademais, a Xunta precisou que nesta convocatoria se recibiron 3.624 solicitudes e lembrou que nos orzamentos de 2027 figuran consignados outros tres millóns de euros para o vindeiro ano.
Algunhas das condicións para acceder a estas axudas eran ter entre 18 e 35 anos; contar, polo menos, cunha fonte regular de ingresos; ter a nacionalidade española ou dalgún dos Estados da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, e estar empadroadas na vivenda na que van permanecer.
Unha vez concedidas e comunicadas, as axudas fanse efectivas a través dunha tarxeta moedeiro virtual, expedida a nome da persoa, que pode utilizarse ata o 31 de decembro como data límite. Ademais, as compras que se realicen deben facerse en establecementos con sede física en Galicia.
Texto de Galicia Confidencial tal como lo publicó, leído de su página y mostrado aquí con el formato de El Autómata. El original, en galiciaconfidencial.com · Volver a la noticia de El Autómata