A Xunta apoia con 5 millóns preto de 400 proxectos de emprendemento feminino que crean ou manteñen arredor de 670 empregos
...
...
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a resolución das axudas do programa Emega 2026 para o fomento do emprendemento feminino, cun orzamento de preto de 5 millóns de euros. A través desta convocatoria fináncianse preto de 400 proxectos emprendedores promovidos por mulleres e incentívase a creación ou o mantemento duns 670 empregos para mulleres.
Na concesión destas axudas prestouse especial atención ao apoio ás mulleres que emprenden no rural, ás maiores de 55 anos e a aquelas que desenvolven a súa actividade empresarial en sectores tradicionalmente masculinizados. Ademais, o programa Emega inclúe medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, e prevé o acceso a servizos específicos de información e asesoramento empresarial para facilitar a implantación e consolidación dos seus proxectos empresariais.
Ao igual que en edicións anteriores, a convocatoria deste ano mantén catro modalidades de axuda. A primeira é Emega Emerge, con contías de entre 10.000 e 22.000 euros, para apoiar novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.
A segunda modalidade é Emega Impulsa, cunha subvención de entre 8.000 e 17.000 euros, para favorecer a reactivación e a consolidación de empresas constituídas por mulleres, así como a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade. A terceira modalidade de axuda, Emega Innova, con contías de entre 18.000 e 42.000 euros, está destinada ao desenvolvemento de iniciativas empresariais con contido científico ou con base tecnolóxica.
Por último, Emega Concilia é unha axuda complementaria ás tres anteriores coa que se pretende promover a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral tanto das mulleres promotoras da iniciativa empresarial, cunha contía de 3.000 euros, como das traballadoras por conta allea, con 5.000 euros.
As empresas terán ata o 27 de novembro para presentar a documentación xustificativa destas axudas, que están cofinanciadas nun 60% pola Unión Europea.
Texto de Galicia Confidencial tal como lo publicó, leído de su página y mostrado aquí con el formato de El Autómata. El original, en galiciaconfidencial.com · Volver a la noticia de El Autómata