Decenas de persoas protestan ante o Concello de Vigo para pedir alternativas habitacionais para persoas sen fogar
Un dos portavoces da acampada, Jacobo Mouriño, lamentou a “negativa absoluta” do Concello, que alegou que “non hai oco nos albergues”
Un dos portavoces da acampada, Jacobo Mouriño, lamentou a “negativa absoluta” do Concello, que alegou que “non hai oco nos albergues”

Decenas de persoas protestaron na mañá desta segunda feira ante as portas do Concello de Vigo para pedir alternativas habitacionais para as persoas sen fogar que formaban parte da acampada pola vivenda, que principiou esta fin de semana a súa desmontaxe na Alameda da cidade após máis dun mes alí.
A berros de “Abel, actúa, que tes xente na rúa”; “Non hai dereito a vivir sen teito”, ou “Ter xente na rúa é inmoral”, as manifestantes e os manifestantes lamentaron a situación na que se atopan estas persoas (perto dunha decena) que, unha vez levantada a acampada, non teñen onde durmir.
Un dos portavoces da acampada, Jacobo Mouriño, lamentou a “negativa absoluta” do Concello, que alegou que “non hai oco nos albergues” e que “non pasa nada” xa que na actualidade non hai unha vaga de frío, asegurou, criticando que tamén o Goberno local utilizase a escusa do Nadal para dicir que “non hai oco”.
“Parécenos unha resposta inaceptábel”, insistiu, apuntando ao “duro” que é durmir na rúa, mesmo nunha tenda de campaña. “O mínimo é que estas persoas teñan unha praza de albergue público”, apostilou, criticando que “parece que o único que importa son as luces” e que o Concello “se lave as mans” a pesar de que “se fala de persoas”.
Segundo el, o Concello sempre ten palabras bonitas, sobre todo para a prensa, “pero para a xente que non lle está dourando a pílula e pídelle algo pois non fai nada”. Todo iso despois de anunciar esta fin de semana o levantamento da acampada da Alameda, que principiou este domingo e que terminará nos vindeiros días.
Texto de Nós Diario tal como lo publicó, leído de su página y mostrado aquí con el formato de El Autómata. El original, en nosdiario.gal · Volver a la noticia de El Autómata